Dispárase a venda de lentes con IA

venres, 13 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

EssilorLuxottica pechou o exercicio 2025 cun crecemento sólido e unha clara consolidación da súa transformación tecnolóxica. O grupo incrementou a súa facturación un 11,2 %, mentres que no cuarto trimestre do ano os ingresos medraron un 18,4 %, deixando claro o dinamismo do sector.
A aceleración do negocio na segunda metade do ano estivo marcada polo auxe das lentes con intelixencia artificial, que se converteron no principal motor de crecemento do grupo. Segundo recolle a compañía, en 2025 vendéronse máis de 7 millóns de unidades de lentes conectadas (máis do triplo que no ano anterior), incluíndo os modelos Ray-Ban Meta e Oakley Meta, lanzados en colaboración con Meta.
A compañía destaca que o negocio das lentes con IA gañou tracción grazas á boa acollida da segunda xeración de Ray-Ban Meta e ao lanzamento de Oakley Meta, incluíndo as versións HSTN e Vanguard. Estes dispositivos integran cámaras ultra gran angular, gravación en 3K, altofalantes abertos e asistentes baseados en IA, ampliando o concepto tradicional de lentes cara a unha plataforma tecnolóxica portátil.
A evolución tecnolóxica do grupo non se limita ás lentes con IA. En 2025 tamén avanzou no ámbito da saúde dixital e da medtech. O produto Nuance Audio, lentes con solución auditiva integrada, pechou o seu primeiro ano cunha presenza en 12 mercados e 15.000 puntos de venda. Ao mesmo tempo, a carteira de solucións para o control da miopía medrou un 22 % en ingresos a nivel mundial.
Estes resultados económicos resultan moi prometedores, por apuntar unha tendencia de mercado que levará a que máis axentes suban ao carro das lentes con IA e outras funcións, estando previsto que nos vindeiros meses compañías como Google, Samsung e Apple lancen os seus propios produtos.