AEMOS crea un almacén virtual no que formar ás persoas usuarias nos labores asociados

venres, 9 de marzo do 2012 Raquel Noya

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), na súa teima por modernizarse e desenvolver accións innovadoras coas que beneficiar á sociedade en xeral e aos seus asociados en particular, vén de crear unha empresa virtual ficticia na que formar a 20 persoas en materia de loxística de almacén, realizando en liña os labores propios do posto de traballo real.
Estas persoas, que na actualidade se atopan en situación de desemprego, son usuarias do Plan Emprego Insere 2.0, e usan esta ferramenta a modo de simulacro, rotando polos diferentes departamentos do almacén virtual e desempeñando as labores propias de cada un.
Deste xeito, os usuarios están a aprender a recibir pedidos, a almacenar mercancía, a elaborar albaráns e mesmo a manexar unha carretilla, labores que normalmente requirían distintas accións formativas que se facían por separado, e que por primeira vez, ademais de aglutinalas todas nun só curso, pódense realizar comodamente de xeito virtual.
Alfonso Pérez, profesor do curso, explica que se trata dunha acción formativa innovadora que posúe un alto valor engadido, “por unha parte nos observamos as diferentes actitudes, comportamentos e condutas do alumno, vendo realmente a súa predisposición e como este se desenvolve no posto de traballo, de cara a unha posible futura inserción laboral, e pola outra, ao propio alumno tamén lle axuda a autoavaliarse”.
Os alumnos e alumnas realizan os labores diarios como se dunha empresa real se tratase, e manipulan pedidos e material que terían que almacenar na vida real, como bidóns, caixas, palés...
Ademais reciben formación sobre prevención de riscos e realizan revisións periódicas para comprobar que todo se rexe e cumpre segundo a normativa vixente.
A intención desta Asociación é de continuar nun futuro con iniciativas como esta, empregando a mesma metodoloxía innovadora a través da que, segundo afirma o xerente de AEMOS, Francisco Domínguez, “os alumnos saen moito máis preparados, adquirindo os coñecementos e a práctica necesarios para afrontar a inserción laboral con maiores competencias”.
Esta entidade pontevedresa está inmersa no desenvolvemento do Plan Insere 2.0, que neste intre está xa na fase de acción directa do emprego, logo dunha “laboriosa e importante etapa de selección de candidatos”, que se levou a cabo por medio de entrevistas en profundidade e dinámicas de grupo.