Galaxia estrea o Soldadiño de chumbo, en versión multiformato e para iPad

martes, 14 de decembro do 2010 Raquel Noya

Esta mesma mañá, tivo lugar en Santiago de Compostela a presentación do libro, O soldadiño de chumbo, unha publicación multiformato en galego, que conta cunha aplicación interactiva para iPad na que o lector ten a oportunidade de experimentar unha experiencia multisensorial única ao tempo que se divirte lendo.
Trátase dun proxecto diferente editado como álbum en formato grande, que inaugura a colección Contos de cine de Galaxia.
O libro vén acompañado dunha curtametraxe de animación premiada por varias entidades e publícase tamén como conto interactivo para iPad.
Con esta iniciativa, segundo afirman os seus responsables, “énchese un importante baleiro no mundo editorial e audiovisual do noso país, ao tempo que se axuda a poñer a cultura galega e Galicia no vieiro da modernidade”.
O texto literario de H.C. Andersen foi adaptado ao galego e para os novos formatos dixitais por Xavier Senín, a partir da curtametraxe animada que Continental Producciones e Algarabía Animación presentaran hai pouco máis dun ano.
A creación segue a técnica do stop-motion e emprega os deseños de Alfonso Costa, a música de Emilio Aragón e as voces de Luis Piedrahita ou Manuel Manquiña, entre outros.
A Editorial Galaxia asumiu o reto de convertelo nun libro multisoporte que conxugase o pracer estético do álbum ilustrado de gran formato co DVD de animación.
Ambas as empresas, a audiovisual e a editorial uníronse para implicar a Moonbite Games no desenvolvemento da aplicación para iPad de tal xeito que agora o conto é, ademais, un produto interactivo no que as personaxes de Andersen se relacionarán de maneira interactiva cos lectores e lectoras.
No tocante á vesión para iPad, os seus creadores indican que se trata dunha “aplicación absolutamente novidosa chamada iMotion Kid”, tecnoloxicamente moi complexa e innovadora a escala internacional.
Este proxecto, cen por cen feito en Galicia, conta co respaldo dos creadores do formato iMotion Comic, Quotidianía Delirante, na súa versión animada para iPhone e iPad, que chegou a ser número 1 en descargas na súa sección de AppStore-España.