No Portal da Lingua os audiovisuais da nosa primeira banda tecno da historia: o Dúo Vaguedades
venres, 30 de abril do 2021
Valentín
García, secretario xeral de Política Lingüística, e os actores
Isabel Risco e Fran Rei presentaron as
contribucións ao Portal da Lingua e ao Fondo de Proxectos
Culturais Xacobeo 21-22 da que sería a primeira banda tecno galega,
o Dúo Vaguedades. Trátase dunha serie de pezas musicais nas que
Risco e Rei mesturan humor e música personificados en Rosalía de
Castro e Eduardo Pondal. A
presentación celebrouse na Biblioteca Pública Ánxel Casal de
Santiago.
No
acto, García felicitou aos actores polo traballo que achega, “con
grande enxeño, coñecemento e moito humor, moitas das
características que nos fan sentirnos identificados como galegos e
galegas e algúns dos fitos máis destacados da historia, da
literatura e da cultura galegas”.
O
proxecto, desenvolvido por Artefeito Sociedade Cooperativa Galega,
componse de cinco audiovisuais (Dubidar, Falar por falar,
Rexurdimento, Verbos compostos e Cultura nas verbenas) que
inclúen cadanseu vídeo-clip do Dúo Vaguedades, formado por Rosalía
de Castro (Isabel Risco) e Eduardo Pondal (Fran Rei), que percorreron
as verbenas do país entre 1857 e 1867 coa súa música.
O
proxecto Dúo Vaguedades forma parte do Fondo
de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, un repositorio de contidos
creativos de interese cultural en galego que o Goberno galego puxo en
marcha ao abeiro do seu Plan de reactivación do sector cultural ao
inicio da pandemia da COVID-19 e que ten en marcha a segunda edición.
