O Buscador Solidario de Microsoft acada a colaboración desinteresada de cinco ONGs máis

xoves, 12 de abril do 2007 Raquel Noya

Tralo éxito da primeira edición, Windows Live quere mellorar (de xeito desinteresado, apunta Microsoft) o seu Buscador Solidario a través de Live.com, polo que vén de acadar a colaboración de novas ONG´s que mellorarán este servizo ampliando a súa área de actuación. Deste xeito, ademais do apoio das seis primeiras organizacións non gobernamentais e asociacións que xa formaban parte deste proxecto solidario, agora sumáronse outras cinco, co fin de axudar e dar consello sobre temas de maltrato infantil, loita contra o cancro, racismo e abandono animal. As novas institucións que se integraron neste Buscador Solidario fundado en 2005 son: SOS Racismo, Federación Española de Pais de Nenos con Cancro, Albergues Infantís e El Refugio.
Live.com ofrece un acceso directo e de balde a estas e a outras asociacións, de xeito que cada vez que o usuario procure un termo relacionado con elas, reciba como primeira opción válida as páxinas web das organizacións directamente involucradas na materia. Así, se antes se atopaban resposta a termos relacionados coa drogadicción, o maltrato, a infancia ou o suicidio, agora, grazas ás novas institucións acabadas de incorporarse, termos como racismo, cancro, animais ou maltrato infantil atoparán resposta no buscador Live.com, que enviará ó usuario interesado de xeito directo á ONG que o pode axudar.
O obxectivo deste proxecto é o de continuar desenvolvendo servizos adicionais solidarios de xeito sinxelo e rápido nun motor de procuras que facilita asistencia, en moitas ocasións vital, para aqueles que máis o precisan.