O FabLab ETSAC da UDC intégrase na rede internacional de laboratorios de fabricación dixital da MIT

luns, 18 de maio do 2026 S. P.

A Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) da Universidade da Coruña presentou na mañá deste luns 18 de maio o FabLab ETSAC Coruña, o primeiro laboratorio de fabricación dixital da UDC integrado na MIT Fan Lab Global Network, unha prestixiosa rede mundial de laboratorios de fabricación dixital nacida como un proxecto de divulgación do Center for Bits and Atoms (CBA) do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT).
En palabras da UDC, esta integración supón “un fito para a escola e tamén para a Universidade” e sitúa á ETSAC entre “o reducido grupo de escolas de arquitectura españolas que contan cun laboratorio plenamente acreditado dentro desta rede internacional”.
Ademais, engadiron fontes da institución educativa coruñesa, “constitúe un dos dous únicos FabLabs activos de Galicia, convertendo á UDC nun nodo estratéxico para o desenvolvemento da fabricación dixital e da cultura maker no noroeste peninsular”.
A presentación tivo lugar na propia ETSAC, nun acto que contou coa participación da vicerreitora de infraestruturas e sustentabilidade da UDC, Sonia Vázquez, o vicerreitor de investigación e transferencia, Jerónimo Puertas, e o director da ETSAC, Miguel Abelleira, así como do director responsable do laboratorio, o docente do Departamento de Construcións e Estruturas Arquitectónicas, Civís e Aeronáuticas, José Antonio Vázquez.
O laboratorio naceu no curso 2013-2014 a partir da transformación do antigo obradoiro de maquetas da escola nun espazo de fabricación dixital avanzada, converténdose logo nunha infraestrutura de referencia en innovación, docencia e investigación aplicada á arquitectura e ao deseño e integrándose de forma transversal na actividade académica da ETSAC.
Actualmente, o FabLab participa en actividades docentes do Grao en Arquitectura, o Máster Universitario en Arquitectura, o Máster de Rehabilitación e o Máster de Formación Permanente en BIM da UDC, ademais de organizar cursos especializados en deseño paramétrico e fabricación dixital.
O FabLab ETSAC Coruña dispón de equipamento avanzado de impresión 3D, corte e gravado láser, fresado CNC, fabricación robótica e prototipado electrónico, ademais de 60 estacións informáticas con altas capacidades gráficas accesibles para alumnado e profesorado da ETSAC.
Entre os recursos técnicos do laboratorio destacan cortadoras láser, impresoras 3D, fresadoras CNC de gran e pequeno formato, sistemas de corte por fío quente controlado numericamente e un brazo robótico destinado a tarefas de fresado e fabricación avanzada.
O FabLab ETSAC Coruña é tamén membro fundador da recentemente creada Rede de Investigación Universitaria en Creación e Fabricación Dixital e participa activamente en proxectos e iniciativas de innovación colaborativa, tanto no ámbito académico como social.
Ao longo dos últimos anos colaborou con diversos grupos de investigación da UDC e participou en iniciativas como Coronavirus Makers Galicia ou a Bienal Internacional MUGAK de San Sebastián. Ademais, a acreditación acadada tras a participación de persoal investigador da ETSAC no programa internacional FabAcademy 2025 reforza a proxección internacional do laboratorio e abre novas oportunidades de cooperación e mobilidade académica.
A UDC destaca que “o laboratorio mantén tamén unha clara vocación de apertura á sociedade, seguindo os principios impulsados por Neil Gershenfeld desde o Center for Bits and Atoms do MIT, fundador da rede internacional de FabLabs”.