O Nobel Samuel Ting pecha o programa de ConCiencia 2010
mércores, 10 de novembro do 2010
O programa ConCiencia,
que a USC celebra dende hai cinco anos coa colaboración do Consorcio de
Santiago para divulgar o saber científico de maneira amena, está a piques de
rematar, e farao tal e como comezou: coa visita dun prestixioso científico, que
coa súa presenza axude a proxectar a imaxe da cidade de Santiago de Compostela “como foco universal do pensamento”, un
dos principais obxectivos desta actividade.
O
convidado encargado de pechar a edición deste ano, a quinta, será o Premio
Nobel de Física en 1976, Samuel Chao Chung Ting, que xunto con Burton Richter,
viu premiado pola Academia sueca o seu traballo pioneiro no descubrimento dun
novo tipo de partícula elemental pesada.
O físico
estadounidense ofrecerá mañá, xoves 11, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural da
Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18), o relatorio O AMS na Estación Espacial Internacional: un
experimento para buscar o Universo de antimateria e as orixes da materia escura
e radiación cósmica, ao que poderán acudir de balde as persoas interesadas
neste eido.
Ese
mesmo día pola mañá recibirao o reitor ás 10:30 horas, manterá un encontro cos
medios de comunicación ás 11:00 horas no Colexio de Fonseca e finalmente, ás
12:45 horas na Facultade de Física, reunirase con alumnos e investigadores dese
centro.
Ting
descubriu en 1974 a
partícula J/psi, o primeiro estado composto formado por quarks e antiquarks
pesados, revolucionando así a física de partículas por ser absolutamente
inesperada a longa vida destes estados.
