O profesorado da Universidade de Vigo bota man das redes sociais para realizar e-portfolios
xoves, 20 de xaneiro do 2011
Se a un portfolio normal e corrente no
que mostramos a nosa traxectoria profesional de maneira resumida e con exemplos
gráficos do noso traballo, lle engadimos todo tipo de referencias vinculadas,
materiais adxuntos e reflexións online
que consideremos necesarias, o resultado é un portfolio electrónico, ou o que
dende a Universidade de Vigo deron en chamar un e-portfolio.
A Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e
Calidade desta entidade académica, a fin de facilitarlle ao profesorado as
competencias técnicas e metodolóxicas necesarias para crear a súa propia
recompilación en formato electrónico, vai organizar un curso de Deseño
Técnico e Didáctico dun e-Portfolio, que aproveitarán 20 profesores e
profesoras para elaborar os seus propios portfolios electrónicos das materias
que imparten, de acordo co novo proceso de ensino e aprendizaxe que impón o
EEES.
Para isto, o curso, que impartirá o
profesor José Vicente Novegil, analizará de forma práctica as diferentes
ferramentas necesarias para a construcción dun portfolio electrónico e achegará
os pasos necesarios para a súa execución.
En palabras de Novegil, “neste documento electrónico o estudante vai
paulatinamente incorporando os seus traballos e actividades dun xeito
enriquecido, a través de ligazóns, documentos, fotografías, vídeos e reflexións
propias e externas, de por exemplo, profesores”. O resultado é, engade, “un curriculum ampliado e máis real que poden
empregar na súa vida profesional”.
Coa xeneralización do uso das redes
sociais, este profesor explica que “se dá
un salto máis e ábrese á posibilidade de que o portfolio poida ser visto e
participado por todo tipo de públicos, segundo o grao de privacidade que o
alumno lle queira dar”.
Os docentes que asistan ao curso Deseño Técnico e Didáctico dun e-Portfolio
coñecerán as posibilidades que ofrecen as redes sociais e botarán man,
para as prácticas, da Rede Social da
Universidade de Vigo.
As xornadas formativas celebraranse os días 1, 3, 10, 15, 17 e 22 de marzo, de 10.00 a 14.00 horas, nas
instalacións do campus de Ourense.
