Prosegue a bo ritmo a implantación das TIC na sanidade galega
mércores, 8 de xuño do 2011
A tecnoloxía galega aplicada á sanidade foi a protagonista indiscutible da xornada do martes na localidade coruñesa de Padrón, onde estes días se está a celebrar o IV Simposio internacional sobre informática biomédica en Europa.
Ademais de moitos especialistas en biomedicina e investigadores biomédicos de referencia mundial, á cita acudiu, en representación da sanidade galega, a conselleira desta carteira, Pilar Farjas Abadía, quen louvou a aposta que está a facer o Executivo galego por levar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación a tódolos eidos da nosa sanidade, optimizando tódalas fases de atención ao paciente e axilizando os trámites que implica este servizo.
A conselleira de sanidade mostrou con orgullo as cifras que avalan o bo facer do organismo que representa neste senso, e así indicou que “case que todos os nosos profesionais poden utilizar a historia clínica electrónica e a receita electrónica, e máis do 99 por cento da poboación benefíciase da súa implantación. De feito, na actualidade, o 86 por cento das receitas que se dispensan en Galicia xa se fan de maneira electrónica”.
Respecto da imaxe médica, Farjas destacou que “en Galicia xa se realizan máis de 2 millóns de estudos ao ano, que están dispoñibles en todos os hospitais e en máis do 50 por cento dos centros de saúde, que dan servizo ao 80 por cento da poboación”.
Ademais de todo o antedito, a conselleira de Sanidade remarcou o impulso que o Sergas está a dar aos servizos de telemedicina, que, “nos dous últimos anos, pasaron de 177 a 310”. As especialidades con maior implantación son, segundo indicou, “a teledermatoloxía e teleoftalmoloxía”, malia que tamén se utiliza esta ferramenta informática en neuroloxía, cardioloxía, endocrinoloxía ou radioloxía.
No transcurso da súa intervención neste prestixioso simposio, Farjas Abadía apuntou que “é necesario optimizar o investimento en I+D biomédica, aproveitar sinerxias, reorganizar e crear novas estruturas, –como grandes plataformas tecnolóxicas de xenómica, nanotecnoloxía ou biobancos-, ademais de potenciar as redes de investigación cooperativa”.
