Ryanair.com pecha durante 10 horas para facer reformas
mércores, 17 de xuño do 2009
Ryanair, a aeroliña irlandesa de baixo
custe que máis está a dar que falar polas súas reiteradas rifas coas axencias
de viaxes virtuais e pola súa intención de suprimir tódolos mostradores de
facturación que ten en 146 aeroportos (antes do vindeiro 1 de outubro) para
pasar a xestionar todo por Internet, chega de novo á redacción de Código Cero
para anunciar, desta volta, que o seu sitio web manterase pechado dende as
20:00 horas do mércores 24 de xuño ata as 06.00 horas do 25 de xuño debido a un
mantemento de “mellora especial”.
A compañía, que de antemán pide disculpas
polas molestias que este peche lle poida ocasionar aos seus clientes, recórdalle
aos pasaxeiros que viaxen o vindeiro xoves 25 de xuño e que teñan que realizar
a facturación en liña (web check-in),
que se aseguren de que esta se realiza antes das 18:00 horas do mércores, xa
que o sitio non volverá a estar dispoñible ata ben entrada a madrugada.
Nembargantes, os pasaxeiros que
reservaron voos antes do 21 de maio e seleccionaron a facturación no aeroporto
non se verán afectados e poderán facturar como o viñan facendo normalmente.
Stephen McNamara de Ryanair afirma que
esta reforma débese á intención da compañía “de
adecuar o seu sitio web para poder seguir satisfacendo a enorme demanda das
súas tarifas baixas”.
