Tecnoloxía galega para facilitar o acceso a Internet ás persoas con discapacidade

martes, 31 de xullo do 2012 Raquel Noya

Actividades tan cotiás como enviar un correo electrónico, compartir unha foto en Facebook ou deixar un comentario en Twitter, poden resultar moi complicadas, cando non imposibles, para as persoas que teñen algún tipo de discapacidade que lles impide levar a cabo determinadas accións co rato, que para o esto dos mortais soen ser ben doadas de realizar.
É por isto que COGAMI, a Confederación galega de persoas con discapacidade, solicitou a colaboración dos grupos de Bioenxeñaría e de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos da Universidade de Vigo (agora integrados en AtlanTIC), para desenvolver un sistema que lle permitira ás persoas con dificultades de mobilidade o acceso ás ferramentas comúns en Internet, tales como as redes sociais ou os buscadores.
Agora, logo de varios meses de intenso traballo, as entidades implicadas veñen de estrear un sistema de TV interactiva en probas, que facilita o acceso das persoas con discapacidade ás novas tecnoloxías e Internet, e que integra, entre outros, servizos de teleasistencia.
Trátase dunha plataforma que ofrece mecanismos de control moito máis sinxelos que os periféricos comúns, e que están adaptados especificamente para ser usados por persoas con necesidades especiais de mobilidade.
O director do Grupo de Enxeñaría de Sistemas, Luis Anido, explica que se trata dun sistema de uso doado que permite o acceso das persoas deste colectivo ás redes sociais e ás ferramentas xerais de Google, e engade que mediante aplicacións que se visualizan na TV “é posible interactuar usando o mando a distancia ou outros dispositivos como o mando principal da consola Wii ou Kinect, o controlador para videoconsola e PC”.
A plataforma, que xa foi sometida a un proceso de validación en fogares de persoas con discapacidade, conta coa aprobación inicial dos responsables de COGAMI, que están a procesar os resultados dos proxectos piloto, pero que xa puideron comprobar de primeira man “o entusiasmo das persoas que probaron os servizos”, aseguran.
COGAMI precisa agora de financiamento para o despregamento da plataforma a gran escala, e mesmo para adaptar os servizos ás persoas maiores.